Inicio
E-Mail

Benvido á UTC

A Unidade Técnica de Calidade é o órgano encargado da análise e do seguimento do Plano de Calidade que defina a Comisión de Garantía de Calidade da UDC.

 

Isto representa que a Unidade Técnica de Calidade, que depende orgánicamente da Vicerreitoría de Calidade e Novas Tecnoloxías, está suxeita ao que establece a Comisión de Garantía de Calidade da UDC, órgano colexiado que emana do Consello de Goberno da Universidade.

 

A Unidade Técnica de Calidade leva adiante as seguintes tarefas:

 

1º. Xestionar  proxectos de calidade, avaliación, certificación e acreditación.

2º. Informar e asesorar á comunidade universitaria sobre as actividades e os programas competencia da UTC.

 

A primeira tarefa concerne a todos os proxectos de calidade, avaliación, certificación, e acreditación que leva a cabo a UDC a través da súa Unidade Técnica de Calidade, de maneira obrigatoria, porque así o impón o organismo competente, ou ben de maneira voluntaria porque así o quere abordar a UDC. Neste sentido a UTC realiza actividades de asesoramento, apoio, coordinación e seguimento nos ámbitos de:

 

-  Programas de avaliación das titulacións, dos centros, dos servizos ou do profesorado  que emanen dalgunha das axencias con competencias no tema ou da Administración en xeral.


-  Programas de calidade dos servizos baseados en normativa de carácter internacional/nacional/autonómica, ISO, cartas de servizos, EFQM, programas de mellora, grupos de traballo, etc.

 

A segunda tarefa atinxe a toda a información e asesoramento que realiza a UTC en relación coas actividades e programas que están baixo a súa competencia.

 

Para levar a cabo estes procedementos, a UTC, ademais do persoal con que conta, apóiase para os temas relativos aos centros, titulacións e profesorado, no Profesor Responsable de Calidade e Converxencia (PRCC) de cada un dos centros da UDC, nomeado polo reitor por proposta de cada decano/director e que representa o nexo de unión entre o seu centro e a Unidade Técnica de Calidade para levar a cabo todos os proxectos que conforman o Plano de Calidade da Universidade da Coruña.